Hoxe celebramos o dia de Europa, e hoxe deberíamos, desde Galicia, voltar a reivindicar con máis forza que nunca a «Europa dos Pobos» fronte aqueles que defenden a «Europa dos Estados». Dinos o noso irmán Castelao no «Sempre en Galiza» que: «Galicia é unha unidade nacional perfeita e que, polo tanto ten dereito a dispor dos seus destinos…»

Galicia foi recoñecida como nación no IX Congreso das Minorías Nacionais Europeas, adscrito á Sociedade das Nacións Europeas, celebrado na cidade de Berna (Suíza) os días 16, 17 e 18 de Setembro de 1933 (van alá xa 87 anos); a proposta foi presentada diante da asambleia polo Secretario de Relacións Internacionais do Partido Galeguista, o irmán Plácido Castro.

Por conseguinte e como xa dixen ao comezo deste artigo, hoxe faise máis necesario que nunca o facer valer os nosos dereitos coma pobo diferenciado dentro do conxunto dos pobos da Península Ibérica, de Europa e do Mundo.

Os problemas que nos tocou vivir no noso tempo requiren solucións axeitadas a este tempo, e só os podemos afrontar e solucionar @s galeg@s, desde, por e para Galicia. Hoxe @s galeguistas voltamos a reivindicar o mesmo que xa reivindicamos na convocatoria ás primeiras eleccións ao Parlamento Europeo, o 10 de Xuño de 1987, ás que acudimos nunha coalición electoral xunto cos irmáns do Partido Nacionalista Vasco (PNV), denominada «Unión Europeísta – Europar Batasuna», e na que participaban entre outros, persoeiros da talla de Jon Gangoiti Llaguno e Luís María Bandrés Unanue polo (PNV) ou Manuel Beiras Garcia, Pedro González López ou Ramón Martinez López (PG)! lembranzas eternas agora e sempre para todos eles!

A campaña e o contido programático da coalición estaba baseada nas reivindicacións dos sectores que sustentaban por aquelas datas o tecido económico de Euskadi e Galicia: Que pasa en Europa co noso leite?  Que pasa en Europa co noso campo? Que pasa en Europa co noso mar? Que pasa en Europa coa nosa industria?; en definitiva, Que vai pasar en Europa coa nosa Terra?

Hoxe, 33 anos despois daquelas primeiras eleccións ao Parlamento Europeo, seguímonos facendo as mesmas preguntas… Que vai pasar coa nosa Terra? A resposta e moi sinxela: Vai depender de ti, de min, de cada un de nós!

Seguiran a mexar por nós e seguiremos dicindo que chove? Saúde e Terra!

 

Francisco López, “Chesqui”
SECRETARÍA XERAL DO PARTIDO GALEGUISTA.