Levo varios días pensando en que quero compartir o que me está pasando pola cabeza con respecto a esta crise do Coronavirus que, a día de hoxe segue parecéndonos surrealista, un mal pesadelo.

Pois ben, hoxe decidinme a compartilo e teño que dicir que o primeiro que sinto é moita pena e inquedanza. Pena por toda a xente que está a padecer esta enfermidade que nunca crin que veríamos máis que nas novelas ou nas películas. Toda a xente que está a pasalo moi mal e toda a xente que non conseguiu superala. Inquedanza por non saber cando deixará de subir o número de afectados e cando conseguiremos que por fin non haxa ningún máis.

O ser humano é realmente moi forte e ten capacidades descoñecidas ata que realmente precisa delas. Agora o estamos a ver xa que as persoas, a pesar de estar confinadas e manter as distancias, resulta que é cando estamos a dar máis exemplo de unidade do que se ten visto en décadas na nosa sociedade.

Si, aparece o ser humano como o mamífero que precisa formar parte dun grupo e que da mostras de cariño e protección aos máis febles, maiores, familia, persoas que expoñen as súas vidas para salvar a dos demais.

Que grande é o ser humano en termos xerais pero tamén ten bastantes puntos negativos, por desgracia, que o prexudica a el mesmo e ó que o rodea. Defectos como que seguimos facendo cousas que nos poden levar a situacións moi duras ou inclusive á extinción; estou falando das guerras, do cambio climático e dos intereses económicos por riba do benestar social.

Estes días, a pesar desa natureza maioritariamente bondadosa das persoas, seguimos vendo exemplos de gobernantes e responsables rancios, obstinados e materialistas de seres que nin se merecen ter o cualificativo de humano; refírome a eses responsables políticos que prefiren manter a economía dos seus países na mellor situación, por riba de todo e todos, e contar as perdas de vidas humanas como simple estatística.

Como é posible que a sociedade lle dera a potestade de velar por eles a persoas que ano tras ano foron recortando os recursos sanitarios pechando hospitais e reducindo o número de profesionais, e que agora queiran autoproclamarse salvadores e protectores do seu pobo?

Como chegamos a consentir que certos responsables políticos de determinados países do norte da UE describan, en plena crise do COVID-19, aos países do sur como irresponsables, ladróns e lacazáns?

Grazas a esa minoría de gobernantes extremistas ultraconservadores pero, ó mesmo tempo, moi poderosos de países “ricos”, conseguen que unha das mellores ferramentas de colaboración entre países membros, a UE, padeza nestes intres unha grande crise de valores, de impotencia e estancamento, motivada por eses dirixentes defensores da extrema protección do capitalismo ata tal punto que antepoñen a riqueza á vida mesma, en definitiva ao benestar real da sociedade. Apoian con total impunidade que saian fortalecidos e beneficiados os máis poderosos e endebedados e sacrificados os máis humildes. Ocorre tamén fóra de Europa, non podo crer o que proclaman desde EE.UU. ou Brasil, entre outros.

Por desgraza tampouco hai que saír fóra das nosas fronteiras para comprobar que, a pesar dos pesares, o carto está por riba de todo. Sabemos do que falamos, non? Especulación e negocio con mascarillas e outro material de protección; falta de anticipación e planificación en medidas de contención e aprovisionamento ante unha pandemia que se veu vir desde China, nada máis e nada menos; Hospitais e Residencias de Maiores que viron ó longo dos anos recortes e privatizacións no lugar de garantir o mellor coidado posible dos nosos enfermos e maiores, estes últimos tanto como se sacrificaron e agora están falecendo nesas residencias privadas que antepoñen o negocio ás vidas, unha vez máis.

Tampouco esquezo a tódolos traballadores que están a facer o confinamento e que non saben que pasará cos seus traballos despois do mesmo; como dos traballadores autónomos e pequenas empresas que por riba de estar pechadas, tiveron que pagar o mes de marzo completo igualmente as tributacións, subministracións e débedas, igualiño que si estiveran traballando con normalidade.

Non deixo de pensar en todo o que estamos pasando máis tamén penso en todo o que nos virá despois e o porvir que lle deixamos ás nosas crianzas. Máis eu teño esperanza como a ten moita xente xa que despois desta lección estamos a tempo de ser verdadeiramente responsables dos nosos actos e ter a suficiente capacidade de solidariedade, reflexión e crítica para elixir aos nosos dirixentes como aqueles que teñen que protexer ás persoas por riba de todo.

Aproveitemos as fortalezas e capacidades da sociedade que nos une para acadar, entre todos, un futuro mellor.

Oscar Casais