Prodúcese un dilema, diante da situación de pandemia, para aqueles que facemos política e que representamos un proxecto de sociedade ideolóxico. Cal é a actuación correcta neste caso? Unha decisión difícil que encontra coa moral e a propia acción política, que moitas das veces é oportunista. Supoño que cada quen terá unha opinión, válida e matizable, pero coido que soamente un camiño é o de recibo: sumar.

Un pequeno inimigo cun nome do que unha xeración non vai esquecer, o COVID-19, veu a romper a normalidade da nosa vida e sobre todo da nosa convivencia como pobo e como sociedade. Tan implacable nese senso, que rematou por cambiar a actualidade, tanto que incluso afecta á celebración das eleccións en Galicia e en Euskadi. Sempre pensei que as eleccións, o propio proceso, iguala as persoas no sentido en que os votos contan todos por igual, imaxinade o alcance das accións cando se anula unha convocatoria electoral, sen precedentes.

Neste senso, a clase política ten que reformular como actuar, ou cando menos eu si. Pero tamén é certo que eu so albisco un camiño válido, o consenso e a disciplina. O Decreto do estado de alarma é unha situación anómala de suspensión de moitos dereitos e mecanismos, esa é a súa razón, máis era preciso. Evidentemente opinable, máis non agora, ao seu momento e por iso paréceme moi importante o anuncio de Sánchez dunha comisión para valorar á acción do goberno neste senso. Espero non fique en proposta e sexa realidade. Será ese o momento de propoñer e de mellorar e sobre todo de aprender para casos futuros.

Agora tense que parar a máquina política no relativo a esta situación, enténdese. Non son moi efectivos os anuncios das forza políticas, dicindo eu faría tal ou cal. Mais que nada porque son accións estériles e que non favorecen o cumprimento colectivo do que se está a demandar. Tampouco que o goberno use, ou a lo menos unha parte, a situación como altofalante de posicións políticas.

Si é certo que ten que continuar a misión de fiscalizar aos gobernos, pero fagamos iso cando a situación sexa normal e se poda facer política. Sentidiño e unidade ten que ser a liña de acción concreta, porque moita xente o esta a pasar mal e o horizonte futuro dos cambios que chegarán son incertos.

Piñeiro Docampo
Secretario Xeral de CxG.
MEMBRO DO CONSELLO DO PARTIDO DEMÓCRATA EUROPEO