Hoxe celebramos un dia da Europa que é por moitas causas especial. A primeira que non escapa a ninguén é a situación excepcional na que estamos a vivir como consecuencia da pandemia mundial da Covid-19. A segunda, mais agochada e difícil de ver para moitos é a excepcionalidade na que a democracia está a instaurarse na Unión Europea.

 

Sobre a primeira das causas está crise sanitaria mundial non é máis do que un chamado de auxilio para moitas das sociedades sobre a nosa fraqueza na existencia como comunidades organizadas. O neoliberalismo golpeou moitos dos mecanismos existentes para protexernos en comunidade contra os diversos avatares que podemos ter durante as nosas vidas. O continuo estado de crise xerado pola financiarización da economía ten feito o resto, facendo da excepcionalidade da crise a nosa vida cotiá. Convertemos unha situación dobremente anormal, na nosa normalidade.

 

Sobre a segunda das causas, esta é algo que golpea no centro do que ata agora foran os valores que todos percibimos como aqueles necesarios para vivir en sociedades mellores: democracia, dereitos humanos e xustiza social. Chegamos ao punto de incluso estar a vivir o secuestro da democracia nun dos estados membros da Unión Europea, como está a ser o caso da Hungría, ou á falla continua aos dereitos humanos por parte dalgúns dos estados membros.

 

Compromiso por Galicia, como membro do Partido Demócrata Europeo PDE-EDP, celebra hoxe esta data do 9 de Maio de 2020, reafirmando máis forte e máis alto que nunca o noso europeísmo convencido, igual que, xa la van 70 anos, fixera Robert Schuman lendo a súa declaración a favor da paz e da convivencia entre os pobos da Europa.

 

O galeguismo é un movemento global, aberto ao mundo, como sempre foron as nosas xentes. Para nós os galeguistas, ser europeístas é a mellor das formas de identidade de ser galego. Unha Galicia que tratou coa Irlanda, coa Bretaña, con Gales, coa Escocia a través do mar e unha Galicia que emigrou a Alemaña, a Francia ou que traballou duramente nos barcos da Noruega. Galicia e o galeguismo é global, por iso é que somos europeístas.

 

Os galeguistas de Compromiso por Galicia mantemos vivos eses valores de paz e solidariedade entre os diversos pobos e nacións que formamos Europa. Unha Unión Europea que nas propias palabras de Schuman: “non se fará dunha vez nen nunha obra de conxunto; será feita grazas a relacións concretas, que cren en primeiro lugar unha solidariedade de facto”.

 

 

Juan Carlos Piñeiro e Daniel Lago, membros do Consello do PDE-EDP.