A situación derivada da pandemia causada pola SARS-COVID-2, está a provocar unha situación, a nível global, con milleiros de mortos e afectados, que está a influír de xeito negativo nas relacións sociais e na actividade económica. Cambiando a percepción social e a forma de relacionarse, creando unha nova realidade que cómpre coñecer e recoñecer. Caldo de cultivo para populismos e extremismos que atenta contra o modelo de sociedade europeo.

 

Porén, coidamos que é preciso que as administracións públicas e as organizacións da sociedade civil, asumamos como unha obriga ineludible, poñer as persoas por riba de todo. O que nos ten que levar a centrar os nosos esforzos na potenciación do noso sistema sanitario e de benestar e na posta en valor da reactivación económica do País, non pode ser esta situación causa da perda de emprego e calidade de vida e de maior diferencia social.

 

Por outra banda, as recentes eleccións ao Parlamento de Galicia tiveron como resultado unha nova maioría absoluta do Partido Popular, o que amosa máis unha vez, a necesidade dun proxecto que sexa quen de promover políticas destinadas a xerar riqueza e progreso social, dende unha óptica galeguista, progresista e europeísta con valores forte dos partidos demócratas.

 

Hoxe, temos un País, cunha realidade social marcada, entre outros aspectos negativos, polo incremento da pobreza, a precariedade laboral e os baixos salarios. Precisamos entón, poñer un marcha unha alternativa que aposte por políticas de cohesión territorial, de fomento da innovación, de apoio ao empresariado e aos autónomos, de promoción da igualdade de oportunidades e de loita contra a exclusión social, cuestións todas elas que, ata o de agora, non foron enfrontadas con decisión por unha Xunta de Galicia que se resigna a que Galicia teña cada vez un papel máis residual nun mundo globalizado, cambiante, asimétrico e interdependente.

 

Por iso, desde Compromiso por Galicia queremos facer unha Declaración de apertura á sociedade para ser motor e o xerme do espazo político do galeguismo con todas aquelas persoas e forzas políticas propias que queiran sumar na tarefa de dotar a esta País dun proxecto político que teña como única guía Galicia e as súas xentes.

 

Hoxe, temos a obriga de poñer o País por riba de todo, e non perder o tempo de debates estériles e actitudes partidistas que nos afastan do que debe ser o noso obxectivo, que non é outro que traballar polo benestar da cidadanía. Para nós, Galicia é un país orgulloso de seu cunhas grandes potencialidades que debemos poñer en valor entre todos e todas, defendendo o autogoberno e transferencias, xestionar o noso.

 

En consecuencia, propoñemos doce compromisos de actuación para este período que hoxe encetamos, que deben ser un punto de partida para traballar co obxectivo claro de presentar aos galegos e galegas un proxecto político galeguista: aberto, amplo, centrado e transversal, que sexa merecente da súa confianza cara as eleccións galegas previstas para o ano 2024. Recollendo unha realidade que non deixa de ser unha anomalía na política global, Galicia é hoxe a única Nación do Estado Español que non ten dúas forzas políticas representativas que acrediten no autogoberno dende a confrontación do modelo de Galicia. Xa que a resposta nacional de Galicia non pode e non debe vir soamente dunha visión de esquerdas, sen posición pragmática nin transversal. Para nós a realidade de Galicia non será tal, mentres o debate só se vexa desde una óptica. Máis aínda sabendo que esa forza non acredita no camiño do SNP ou de Córsega, como veu demostrando :

 

1.- COMPROMISO CO AUTOGOBERNO NO ESTADO E EN EUROPA: acreditamos no carácter nacional e internacional de Galicia e o dereito do pobo galego a decidir soberanamente sobre o seu futuro. Defendemos un Estado español plurinacional e unha relación bilateral co mesmo nunha Europa Federal, defendemos que Galicia é unha nación europea, e a consecución dunha Europa forte é a nosa meta, unha Europa capaz de defenderse e ser referente no modelo para o resto do Mundo.

 

2.- COMPROMISO COA NOSA LINGUA E A NOSA CULTURA: acreditamos na posta en valor de medidas de impulso ao uso do galego en todos os eidos da vida cotiá e entendemos necesario promover a diversidade ortográfica do galego nas diferentes versións RAG, AGAL e Padrao. Tamén estamos convencidos da necesidade de potenciar a cultura propia e de promover as empresas culturais con medidas de apoio ás iniciativas empresariais neste eido.

 

3.- COMPROMISO COA NOSA EDUCACIÓN: acreditamos nun modelo educativo inclusivo, de calidade, en galego e democrático, que deberá sustentarse nos valores da convivencia, da educación pola paz, da equidade, da igualdade de oportunidades, do esforzo compartido e da responsabilidade. Entendemos o modelo de escola concertada como subsidiaria do modelo público que debe ser prioritario.

 

4.- COMPROMISO CUN MODELO SANITARIO DE CALIDADE: acreditamos na sanidade como un dereito que debe ser preservado polos poderes públicos para que manteña o seu carácter universal e conte cun adecuado financiamento. Fiscalizaremos as concesións dos servizos externos da sanidade pública para avaliar a calidade da prestación e as condicións laborais dos profesionais sanitarios.

 

5.- COMPROMISO COAS POLÍTICAS SOCIAIS E DE BENESTAR: o noso modelo vela pola implementacion de políticas sociais e de benestar, polo que acreditamos na necesidade de garantir as prestacións sociais para todas as persoas máis aínda nun país como o noso cun forte avellentamento e con bolsas de exclusión social. Tamén entendemos que é preciso modificar a Renda de Inclusión de Social de Galicia (RISGA). Para iso, precisamos dun financiamento suficiente, tendo en conta que se está a incrementar o gasto social. Concibimos as políticas públicas en servizos sociais como investimento social e fonte de riqueza para a nosa comunidade.

6.- COMPROMISO CO EMPRESARIADO E O EMPRENDEMENTO: temos que promover e incentivar un forte tecido empresarial que sexa a base fundamental para o crecemento económico e a empregabilidade, facer uso do marco estatutario de emprego para ter unha política de relacións laborais propias, sendo Galicia plenamente competente na lexislación laboral, reducir a burocracia e poñer en marcha políticas de I+D+i, que beneficien ás empresas galegas e melloren a súa proxección exterior. Protexer e potenciar aos nosos comerciantes das vilas como identidade propia de Galicia e de intercambio cultural.

7.- COMPROMISO CO NOSO TECIDO INDUSTRIAL: o noso tecido industrial ten por diante o reto de mellorar a competividade das nosas industrias. Para iso, temos que ter unha estratexia de país, amparada polos poderes públicos, que inclúa á nosa industria e que promova actividades baseadas no coñecemento e a innovación en colaboración cos centros formativos e buscando a internacionalización baseada no potencial da nosa geolocalización e lingua.

 

8.- COMPROMISO CO NOSO MAR: acreditamos nun modelo produtivo para o noso país que lle dea o valor que merece ás actividades relacionadas coa pesca, co marisqueo e coa acuicultura, todas de gran importancia no noso modelo socioeconómico.

 

9.- COMPROMISO CO MEDIO RURAL: acreditamos no medio rural como un elemento vital no futuro de Galiza. Cómpre revalorizar e dignificar a actividade agraria e gandeira e revitalizar a economía e o hábitat rural no seu conxunto, a través de medidas que favorezan o asentamento de poboación no medio rural e unha adecuada dotación de servizos e infraestruturas. Tamén consideramos esencial a implantación dun plano forestal.

 

10.- COMPROMISO CO MEDIO AMBIENTE: a protección do medio ambiente debe converterse nun aspecto transversal que alcance todas as áreas e é un dos eixos do noso modelo económico e social. Acreditamos nunha estratexia de loita contra o cambio climático. De acordo coa estratexia europea do “New Green Deal”, entendemos necesaria a posta en marcha dun plano de investimento verde que promova o uso de enerxías limpas e o aforro enerxético.

 

11.- COMPROMISO COA IGUALDADE E A MULLER: entendemos que a igualdade debe ser impulsada dende os poderes públicos e debe concretarse nunha serie de políticas públicas encamiñadas a mellorar o marco normativo que dea garantía ao exercicio real do principio de igualdade, garantido no ordenamento xurídico. É preciso promover accións planificadas a prol da igualdade, maiormente na liña de promover a participación equilibrada de mulleres e homes na política, no mundo empresarial, no mundo laboral, etc. Tamén apostamos pola posta en marcha de políticas de conciliación da vida laboral e familiar e de loita activa contra a violencia que sofren as mulleres.

 

12.- COMPROMISO COA REXENERACIÓN DEMOCRÁTICA: hoxe máis ca nunca, vendo o estado de corrupción existente en sectores da sociedade e mesmo en institucións representativas do Estado, constátase unha crise de lexitimidade na nosa democracia representativa que só pode ser combatida con medidas como a elaboración de códigos éticos nas institucións e o impulso de medidas dirixidas a promover a ética, transparencia e bo goberno nas administracións públicas.

 

 

Sargadelos, outono de 2020, Galicia.