Compromiso por Galicia e o PDR Partido Democrático Republicano apostan por mellorar a conexión aérea e terrestre entre Galicia e Portugal cos fondos europeos orzamentados trala pandemia.

Compromiso por Galicia asinou un protocolo de colaboración co Partido Demócratico Republicano para dar novamente forza á unha eurorrexión que foi diluindo nos últimos lustros coa inactividade da Xunta, primeiro de Troitiño e logo de Feijoó.

Caminha, Portugal, 7 de xullo de 2020.

Os partidos Compromiso por Galicia e Partido Demócrata Republicano de Portugal asinaron un protocolo para mellorar as condicións económicas e sociais da eurorrexión que compoñen Galicia e o país luso.

Os dous partidos, membros do Partido Demócrata Europeo PDE-EDP pediron en Caminha un achegamento máis directo entre Galicia e Portugal, dentro dun espazo europeo que pretende ser ponte e nexo de comunicación entre Europa e África e América.
“En Galicia e Portugal temos a oportunidade de amosar como pode ser traballar conxuntamente, facendo que os euroescépticos queden sen argumentos. Temos a oportunidade de ser exemplo de integración e cooperación creando clústers que aúnen as nosas forzas. E, como ben di o documento que hoxe asinamos entre Compromiso por Galicia e o Partido Demócrata Republicano, é primordial que os fondos europeos se asignen aos programas e non aos Estados membros”, apuntou Milagros Corral, candidata nº1 ao Parlamento pola provincia de Ourense.

Nesta liña, lembrou que a Unión Europea non xestiona directamente ningunha das políticas referidas aos cinco aspectos que máis preocupan aos votantes: sanidade, educación, pensións, impostos e seguridade social e incidiu na necesidade dun sistema sanitario amplo e común. E engadiu a necesidade dunha maior implicación por parte da Unión para que non siga en caída libre o sentimento de pertenza e comunidade como xa aconteceu noutros países.

Bruno Fialho, presidente do PDR, destacou a necesidade de que todos os países da Unión Europea poidan desenvolverse nas mesmas condicións de igualdade -dentro dos mesmos deberes pero tamén dereitos-. Destacou, así mesmo, a importancia e urxencia da implantación dun salario mínimo europeo para atallar as diferenzas económicas e sociais existentes entre as diferentes rexións.

Daniel Lago, membro do consello do Partido Democrata Europeo PDE-EDP e secretario de organización de Compromiso por Galicia e que pecha a lista por Pontevedra nas eleccións autonómicas galegas do 12X, destacou que o galeguismo foi sempre europeista, comezando por unha unión primeiramente con Portugal, algo reivindicado xa de vello polos galeguistas da Xeración Nós, que xustamente este ano fai 100 anos do seu xurdimento.

Tamén falou Daniel Lago de que Compromiso por Galicia non ten que agochar os seus socios políticos nunca, xa que ao contrario de outros partidos, Compromiso sinte especial fachenda dos seus socios en Europa, onde o Partido Demócrata Europeo PDE-EDP forma un grupo de máis de 10 eurodeputados en Bruxelas.

Por último tivo unhas palabras para a Lei Paz-Andrade, unha boa lei que o Parlamento galego non dotou ata agora dos medios económicos precisos para o seu desenvolvemento e pulou por que a voz dos galeguistas este no Hórreo para activar os mecanismo orzamentarios precisos para sacar adiante devandita lei.

O secretario xeral dos galeguistas, Juan Carlos Piñeiro, non puido acudir ao acto xa que a zona da Mariña de Lugo atópase estes dias confinada por mor dun rebrote da Covid-19.
No protocolo asinado recollense iniciativas como a mellora das conexións ferroviarias -cunha liña de alta velocidade entre Vigo e Porto- ou a posta en marcha de conexións aéreas entre os distintos aeroportos que sexan complementarias en lugar de entrar en competición facilitando a conectividade directa en voos transatlanticos sen ter que pasar por Madrid-Barajas que é o deseño actual do sistema aeroportuario español, un dos máis centralizados do mundo.