Logo dun longo proceso de conversas entre diversas forzas políticas do eido galeguista hoxe rexistrouse a coalición “Marea Galeguista”, unha unión que quere vertebrar o galeguismo político do País. A coalición, da que forma parte tamén “En Marea” e o histórico “Partido Galeguista” naceu coa base de recuperar os vellos anceios de liberdade, progreso e democracia para a nosa terra. Uns anceios que viaxan agora, das nosas mans, ata o século XXI, traendo de volta a forza transformadora, moderna e sustentábel que é o galeguismo.

Desde Compromiso por Galicia como coordenada deste galeguismo moderno, transversal e europeista queremos parabenizar a toda a sociedade galega no seu conxunto, xa que ábrese unha porta nova para unha sociedade que defenda a natureza, a loita pola igualdade de xénero e definitivamente, polo dereito de Galicia a decidir sobre o seu futuro.

O panorama que deixa a Covid-19 é desolador no social, no económico e deixou ver as feridas causadas por un sistema planeticida. As xentes galeguistas de Compromiso por Galicia avanzamos da man das nosas irmás e dos nosos irmáns galeguistas e partillamos un futuro novo de esperanza para os galegos e galegas que temos a Galicia no corazón e no sentimento.

Logo da consulta na que o 81% dos votos foi a favor de explorar unha via de coalición ampla do galeguismo, este Sábado será presentada conxuntamente esta coalición de unidade galeguista.