Aquela fin de semana as risas e os berros da cativada desapareceron das escolas e quedaron nelas os responsables directos da labor pedagóxica. Cada un colleu a equipaxe que puido e comezou unha viaxe dentro de marexadas e fortes marexadas Moitos docentes empezaron a colgar arquivos e tarefas sen fin, para encher os camarotes dos rapaces para pasar esta viaxe. Pero o radar do barco encheuse de interferencias; tacos de actividades para imprimir, actividades on-line, libros de texto, etc; todo sen supervisión didàctica. Facer por facer.

Despois chegou o momento de cualificar, un día o roteiro dicía non cualificar, outro todo o contrario e así o conseguido era non chegar a porto. Algúns desde cuberta atisbaban os pantaláns, pero sen saber se ese era o destino.
Nest
e rumbo inestable, poucos analizabamos que a nosa cativada converteuse, de súpeto, nun grupo de alumnado recollido na nosa lei educativa; a LOMCE; coma alumnado con necesidades específicas de apoio educativo por condicións persoais ou de historia escolar. Esquecémonos de súpeto da atención á diversidade e deseñamos o mesmo para todos os do barco, independentemente do billete mercado. E así, a escola do século XXI cometeu os mesmos vellos erros, competencias educativas reducidas a papel de despacho e centrando a educación en puro contido curricular.

Espabilemos profesorado, que para ensinar simplemente contidos non facemos falla, a cativada pode aprendelos a pesar de nós. Estamos vivindo no século da globalidade, da diversidade de culturas, costumes e percepcións diferentes. A nosa labor non olla só en ensinar contidos; olla no traballo das competencias, na convivencia e na resolución pacífica dos conflitos.

Váleme de algo estudar de memoria a Segunda Guerra Mundial e as súas consecuencias, e non analizar que esta pandemia é coma enfrontarse a unha guerra? Estámonos preparando ao profesorado para ao alumnado despois de vivir esta pandemia? Seguiremos sendo transmisores de contidos ou abriremos os nosos oídos e ollos para escoitar e ver máis aló? Moitos dos nosos rapaces voltarán as escolas con familias rotas pola dor, pola tolería de vivir sen ingresos, pola paralización dun país sen ferramentas suficientes de política de benestar para todos. A escola, despois disto, non pode ser un lugar onde meter á infancia para a liberdade dos adultos activos. Na escola debemos ser os formadores de adultos equilibrados, responsables e críticos co mundo que lles toca vivir.

Deixemos ao carón acabar un libro dunha editorial, as horas marcadas por un timbre e centremonos nas necesidades emocionais dos cativos que teñen unha historia detrás. A nosa función é educar en igualdades de oportunidades. Cada un, debe viaxar nun camarote con tódalas comodidades, e chegar a porto desfrutando a viaxe e non que do que teñamos gañas sexa de vomitar todo pola borda.

Estela Rodríguez Mosquera

Secretaria de  Estudos e Programas de CxG.