Ante esta situación que nos tocou vivir e entre todos os problemas que está a xerar a Covid-19, emprego, economía, sanidade… non podo deixar de mencionar un sector que ante as administracións está esquecido totalmente: A CULTURA!!.

Temos a inmensa sorte de ter en Galicia un potencial enorme no tecido cultural. Que sería de Galicia sen cinema, poesía, danza, teatro, música, circo… Non podemos correr o risco de perda de identidade e o risco de perda económica. Galicia aínda busca a súa identidade cultural, así como a persecución sistemática de todo o que cheira a galego.

A historia de cultura galega é odisea dunha continuada resistencia, sobre todo nas décadas do franquismo. Xa un poeta  tristemente falecido, Celso Emilio Ferreiro, falou das miserias desta crise de identidade galega, provocada por causas alleas a vontade de Galicia, aludindo a longa noite de pedra…..

En Galicia a loita, a resistencia cultural, prendeu en varios frontes que tiveron sempre como denominador común a restauración do idioma propio como marca de identidade dos galegos. Os principais protagonistas desta resistencia foron sempre os escritores, que levantaron o galego como medio, incluso como arma irrenunciable de expresión, desde Cunqueiro, Ferrín, Casares ou como non, Rosalía ou Castelao. Todos estes escritores galegos, dunha maneira ou outra, promoveron facer sobrevivir a cultura galega.

Agora máis que nunca nos damos conta de que a falta da cultura nas nosas vidas fai que a nosa vida non sexa a mesma. O sector cultural ve con moita preocupación o seu futuro. Tanta xente vive deste sector que en Galicia alcanza cotas de orixinalidade e calidade incribles; e todo, case de forma innata ante a practica ausencia de plans culturais, cuns medios de comunicación públicos que lle dan as costas, cunha ausencia de estratexias a medios-longo prazo para a cultura galega. O baleiro desde a administración que só atopa recursos para o Xacobeo, plan turístico “non cultural” que emprega a cultura como gancho para atraer turismo. Non podemos esquecernos de que temos preto de 40.000 traballadores neste sector, e ca inmensa maioría vive o día da cultura sen outro tipo de ingreso.

A cultura no seu sentido máis amplo tece as nosas vidas, as nosas emocións, a nosa identidade e o noso futuro.

Fanse urxentes as medidas de compensación para un sector sen ningunha garantía nin axuda específica.

Eva Rosende Domínguez

Secretaria Nacional de Educación e Sanidade de CxG.